Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta da Galiza recoñece e reproduce todas as eivas e desleixo padecidos pola Costa desprotexida de Dexo e denunciados polo BNG durante lustros perante as actitudes totalmente omisivas das Administracións


A Xunta recoñece que a Costa de Dexo está absolutamente desprotexida, como denuncia até a saciedade o BNG, “copiando” literalmente as denuncias da formación nacionalista

Pedimos a grupos ecoloxistas, veciñas, propietarias e representantes veciñais que participen activamente na construción dun verdadeiro Plano Integral para a Costa desprotexida de Dexo

O Consello de la Xunta autorizou recentemente á Consellaría de Medio Ambiente a iniciar o proceso para que, dunha vez por todas e cun atraso incomprensíbel de 23 anos após a súa declaración como Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes (papel mollado), a Costa (des)protexida de Dexo teña por fin un Plano integral de xestión. Agora sométese a participación pública.

A Xunta de Galiza, após un primeiro estudo e décadas de omisión, abandono e colaboración por imprudencia na deterioración constante da Costa Desprotexida de Dexo, recoñece por fin o estado de abandono da mesma con “proliferación de especies exóticas invasoras”, “o espazo soporta na actualidade unha importante presión de uso público”, de “estar excedendo a súa capacidade de carga e provocar diversas problemáticas”, “procesos erosivos nos camiños, hábitats e patrimonio natural e cultural”, na “fragmentación e alteración do estado de conservación de hábitats naturais”, en “molestias en áreas sensíbeis para avifauna e especies ameazadas” ou “na degradación paisaxística”, ademais de “conflitos e incompatibilidades de uso entre distintas actividades”.

Simple copia e pega de todas as denuncias presentadas polo BNG durante lustros con probas documentais de motos circulando en pleno Monumento Natural, vehículos aparcados no mesmo, drons alterando os niños dos corvos mariños, construcións fixas sen licenza, trails masivos circulando por camiños abertos ad hoc e polos muros de castros ou a escasos metros de aves en pleno proceso de aniñamento, bicicletas sen control creando novas e novas rodeiras, tractores de administracións ampliando máis e máis os camiños preexistentes, cans ceibos e sen control, gravación de publicidade privada coa introdución de vehículos e drons…

Dende o BNG amosamos a nosa total desconfianza cara á Xunta, que tan só após as flagrantes infraccións documentadas polo BNG decidiu mover ficha. Supervisaremos con lupa todo o proceso, tempos, informes, órganos competentes de aprobación… cómpre lembrar a incompetencia absoluta da Xunta da Galiza no Concello de Oleiros coa recente chafallada da Vía Ártabra, declarada nula de pleno dereito pola xustiza após non reunir os requisitos mínimos sendo aprobada por un órgano non competente, circunstancia que implicará perdas incalculábeis para toda a Comarca. Esta flagrante incompetencia habitual da Xunta obriga a estar “enriba” de todo o proceso.